Dos almorzos saudables a recreos de froita e leite

Continuamos no Centro abrindo o abano de opcións saudables ao noso alumnado. Nesta ocasión centrámonos na froita fresca e no leite. Durante este mes de xaneiro/febreiro e logo no mes de marzo, o noso alumnado pode tomar froita fresca (laranxas, plátanos, mazás, peras, uvas, fresas ou mandarinas) e leite (con e sen lactosa) nos recreos.

Os especialistas en nutrición recomendan que non pasen moitas horas entre unhas comidas e outras para manter unha dieta saudable. Así evitaremos pasar fame, melloraremos o ánimo e, sobre todo, é máis fácil que non piquemos alimentos pouco saudables como a pastelería industrial. Que hai mellor que tomar unha froita fresca e un pouco de leite para afrontar con enerxía as sesións de clase que quedan ata o mediodía?

Esta é a opción que propoñemos dende o Centro ao noso alumnado co obxectivo de seguir concienciando e educando en hábitos de vida sa. Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite, que se realiza en colaboración coa Consellería do Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e que é financiado coa axuda da Comunidade Europea, España e Galicia.

Por MaxiSaude

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *